Miles de galegas e galegos concentraranse na Pobra o próximo 22 de marzo, en defensa propia. ¡Madía leva co que se lles ven enriba! Unha agresión directa e salvaxe ao corazón de Galicia: a instalación de ALTRI na Ulloa, a reapertura dunha mina de cobre en Touro e toda a súa vertedura tóxica ao río Ulla, que se baleirará na Ría de Arousa.

O que lle vai pasar á cunca do Ulla e á Ría de Arousa, se se logran estes diabólicos proxectos, xa ten en Galicia un espello onde se reflicte: A Ría de Pontevedra que con ENCE, ELNOSA e outras instalacións altamente contaminantes situadas en espacios de dominio público coa protección e complicidade, obxectivamente prevaricadora, de diversas institucións, autonómicas principalmente, están a coverter a terceira ría de Galicia nunha cloaca. Agora veñen a pola cunca do Ulla e a pola Ría de Arousa.

Sei de boa tinta que está piques de se publicar un libro que conta e explica, exhaustiva e rigorosamente, o traballo e a loita desenvolvida, específicamente polas vías administrativa e xudicial, contra as administracións e institucións que toleraron e protexeron a instalación e degradación do litoral de dominio público na Ría de Pontevedra e noutros espacios protexidos do litoral galego, obxectivos da codicia insaciable dos depredadores e da complicidade dos aspirantes a disfrutar das portas xiratorias. Neste traballo recóllense denuncias, reclamacións, autos, recursos, sentencias, en definitiva, complexos e longos procesos administrativos e xudiciais que, en ocasións, evitaron verdadeiras catástrofes medioambientais pero, noutras, non o conseguiron desgraciadamente. Neste complexo relato aparecen tamén os compórtamentos de persoalidades das administracións autonómicas e estatais: Desde, por exemplo, M. Rajoy ou Pepe de Palas ata ao pai do actual Presidente Rueda. Pais gatos, fillos michos. Velaquí outro espello no que se mirar.

Parece claro que a historia dos intentos de explotación salvaxe do noso país, de depredación dos nosos recursos para que outros se lucren do seu valor engadido, de degradación do noso medioambiente contra a nosa saúde ou de destrucción dos nosos medios de vida e das posibilidades de desenvolvemento dunha economía propia e sostible, nos veñen a demostrar que non temos outro remedio que a movilización de todo o país para garantir unha elemental calidade de vida en Galicia.

Á Pobra do Caramiñal iremos, pois, en defensa propia.

 

Comparte esta entrada