A manifestación de onte, 21 de xaneiro, en Santiago de Compostela,  “EN DEFENSA DO NOSO MAR”, foi multitudinaria. Convouna unha manchea de organizacións e asociacións cívicas que reaccionarón á vertedura de “pélets” de plástico do cargueiro Toconao,  que están a contaminar a costa e as praias galegas.

A pantasma do Prestige, esta vez vestida de branco e  dispersa en faragullas esquivas fai máis agresiva, fonda, retorta  e perdurable a contaminación das rías, do mar e das nosas costas. Na santa compaña do Pretige volven tamén a procesionar as pantasmas da desidia e da incompetencia institucional, do engano, da falacia, da ocultación e da manipulación informativa. E volven, xa que logo, a preocupación, a ira e a indignación, pero tamén a solidariedade, a iniciativa cívica e a mobilización. A manifestación de onte foi, para min, unha proba contundente disto.

Pareceume unha manifestación exemplar e edificante. Para empezar, abríase a marcha cun limiar ou “exposición de motivos” que situaba en primeiro plano os principais  damnificados de catástrofes coma esta. Refírome á primeira pancarta, portada por máis nenas ca nenos, que rezaba: “O MAR É O NOSO FUTURO”.  Velaí temos o nó do problema.

De seguido, viña a mensaxe central da mobilización: “EN DEFENSA NO NOSO MAR”. Detrás a cidadanía: mulleres, homes, mozos e vellos, nenas e nenos coas súas mensaxes, reivindicacións; coas súas plataformas, asociacións e organizacións: o groso da ciudadanía  mobilizada.

E por último, catro partidos e organizacións políticas, (BNG, PODEMOS, PSG e SUMAR) facéndose presentes e mostrando o seu apoio ás demandas  das e dos convocantes, pero sen caer nese outrora torto e torpe intento de “capitalización” co que, tantas veces, o sectarismo partidista deturpou reivindicacións e mobilizacións  cívicas. Actitude digna e intelixente, que estimula a imprescindible participación política da ciudadanía.

Non sei  se este deseño da manifestación foi decisión dos convocantes únicamente ou se houbo acordó, implícito ou explícito, dos participantes. En todo caso, atinaron de cheo e paréceme axeitado subliñalo. Noraboa a todos.

 

 

 

 

 

 

 

 

Comparte esta entrada