Pásovos un apuntamento.

Parece que Italia, a pesar da que está a caer e, se cadra, precisamente por iso, emprégase a fondo este ano na conmemoración do setecentos aniversario da morte de DANTE ALIGHIERI. De Dante non se sabe ben cando naceu, pero si cando morreu: o 14 de setembro de 1321, no seu exilio de Rávena. Considérase, e con razón, pai da lingua italiana e, xa que logo, o máis alto representante da súa cultura. Como Cervantes da castelá, Goethe da alemá ou Shakespeare da inglesa. Pero Dante, ademais, representou un papel decisivo para todos os europeos, pola súa obra constituír, seguramente, un impulso importante para pasarmos do teocentrismo medieval ao humanismo renacentista.

Afortunadamente —e cómpre divulgalo—, a Divina Comedia está traducida ao galego gracias a DARÍO XOHAN CABANA, que o fixo por dúas veces. Traducción que foi premiada coa Medalla de Ouro da  Cidade de Florencia. A última traducción está na editorial A Curuxa (2014). O que non sei é se hai existencias. De non as haber, este sería un bo ano para reeditala e para lela en galego. Eu tentarei facelo.

Ademais porque Dante resulta moi suxestivo para os galegos e para aquelas comunidades que sofren o menoscabo, menosprezo ou incluso os ataques á súa lingua propia. Dante optou belixerantemente polo seu idioma toscano, pai do italiano actual, fronte ao idioma “culto”, do prestixio e do poder, que era o latín. Esta opción polas, daquela, nacentes linguas romances está perfectamente explicada e razoada no seu libro De vulgari eloquentia, onde reivindica a dignidade e as posibilidades das linguas vernáculas.

Comparte esta entrada