A piques estamos de celebrar o Día da Patria Galega; e, por certo, a patria galega ten o mesmo santo patrón que a patria española. Cada un na súa casa e Deus na de todos. Patrón e patria teñen a mesma raíz. A patria non é coma a nai, que non hai máis ca unha. Patrias hai varias, por iso moitos patriotas senten a necesidade de adxectivar a súa:  “patria galega”.

Ese sentimento de orgullo, de autoestima colectiva e de satisfacción por pertencer a un grupo humano asentado en realidades territoriais, históricas, culturais ou étnicas que, un entende, conforman a súa identidade persoal e colectiva, digo eu que debe de ser o que se chama patriotismo. Mais, se ese sentimento te diferencia para enfrontarte ou confrontarte, para sentirte superior ou para ocultar que te sentes vergoñosamente inferior, entón, tamén digo eu que iso debe de ser o patrioteirismo. Por exemplo, cantar desaforada e compulsivamente “yo soy español, español, español”, con evidente complexo de inferioridade ou para “ir a por ellos” é patrioterismo, non patriotismo.

Non está mal diferenciarte para distinguirte pero, se non relativizas estas realidades convencionais e as convertes en absolutos, máis que diferenciarte, enfróntante, confróntante e serven para xustificar calquera cousa: “todo por la patria” é un exemplo histórico do que se pode chegar a xustificar.

Posiblemente sexa moi saudable que a realidade nos leve a sentirnos fillos de varias patrias distintas, aínda que isto guste pouco ou nada aos patrioteiros máis ortodoxos. Pero patrias diversas, habelas hainas. Galicia é a nosa patria orixinaria, étnica, tribal no mellor dos sentidos, por riba da que chaman a nosa “patria chica”, que sería máis próxima, parroquial, familiar. España pode ser a nosa patria serodia, construída de tarde máis por conquista que por concordia, pluriétnica e plurinacional. É España, pero podería ter sido Iberia, incluíndo a Portugal. Pouca dúbida pode caber de que unha República Confederal Ibérica resolvería moitos dos problemas e conflictos que hoxe nos atormentan, aínda que tamén é verdade que podería traernos outros. En todo caso, gañaríamos peso en Europa e no mundo, pero a historia foi por outro lado. Polo menos ate hoxe.  E logo está Europa, que quere ser outra patria; talvez unha patria política, construída a base de procesos e acordos democráticos, unha patria ética, como di Amin Maaloouf, onde se articulen e defendan mellor dereitos civís e cívicos universais, nun ámbito máis global. Xa o dicia Castelao: “Na espera do embarque consumín un bocado de tempo na Catedral de Marsella, a cavilar sobre a siñificación que para nós ten o día do Apóstolo, convertido en Día de Galiza por ser a mellor afirmación do noso universalismo, pois sendo tan galega esta festividade non caben os seus motivos no estreito marco dunha soia patria” (Sempre en Galiza, LIb. 4, cap.I)

Trátase de desacralizar un concepto e de ampliar un sentimento individual e colectivo que así se humaniza e impídese que o cargue o demo. Isto da patria supoño que, no que ten de conciencia de pertencer ao grupo, será algo como a conciencia de clase. A clase era a nosa patria social, porque non era o mesmo ser da clase obreira que da clase media ou da nobreza, conformada, por certo, por patricios. Que ser patriota signifique vivir un sentimento nobre de orgullo polo teu e de lealdade cos teus, figúrome que ha ser boa cousa. Que signifique a negación dos outros ou a desconfianza e a confrontación con eles, só pode traer desgrazas para todos.

Que as vellas patrias da épica ou da ascética deixen paso ás patrias novas, máis da lírica e da mística. Así, desexar un feliz día da patria será sempre un bo e venturoso desexo. Creo.

Comparte esta entrada