Un ano máis, o Xefe do Estado, no noso nome, realiza un acto político e relixioso, realmente inconstitucional, postrándose ante un santo do catolicismo, ao que recoñece oficialmente  como Patrón de España. Esto foi respaldado por todos os Gobernos españois, tamén polo actual, forzando unha interpretación fraudulenta da Constitución (Art. 16) para manter vivo de facto, a lo menos nas esferas oficiais, o nacional-catolicismo: ideoloxía relixiosa que declarou como cruzada o golpe de Estado de Franco e a subseguinte guerra civil. Nada hai que ter contra ofrendas, ritos e cerimonias relixiosas que os crentes queiran facer, pero todo hai que ter contra a confesionalidade, práctica, do Estado, contra  a sumisión das institucións políticas á autoridade relixiosa, neste caso católica, e contra á manipulación tramposa da Constitución.

O 25 de Xullo  é  a FESTA NACIONAL DE GALICIA. Foino desque as Irmandades da Fala estableceron o Día de Galiza, desque miles e miles de galegos e galegas celebran cada ano o Día da Patria e desque, o 1 de Xaneiro de 1979, a Xunta de Galicia  declarou oficialmente o 25 de Xullo como “DÍA NACIONAL DE  GALICIA”. Desde o punto de vista político e social  esta é,  aquí, a celebración primordial deste día.

O día do Apóstolo non é festa nacional española, só é unha conmemoración relixiosa e popular, que se utiliza e manipula  tamén  para manter vivo  o nacional-catolicismo. Pois ben, non sendo festa nacional española, este ano a Patrulla Águila do Exército do Aire sobrevoou Compostela para debuxar no seu ceo azul a bandeira de España. Só a bandeira de España. Coma o 12 de outubro en Madrid. Nin sequera se lles pasou pola testa debuxar  tamén a bandeira galega, ainda que só fora para quedar ben. Provocación, humillación, subestimación, prepotencia, desprezo, desconsideración ou desdén son algúnhas das palabras válidas para nomear os sentimentos que  afloraron en moitos galegos e galegas.  ¡Todo un alarde centralista de pedagoxía política!  Ninguén se debe estrañar se os galegos aprenden a lección. Supoño que a última responsabilidade política de esta inefable operación deberá recaer en Margarita Robles, cando  menos.

As rúas de Compostela, coma todos os anos, estiveron ateigadas de xentes que celebraban as festas da cidade e o Día da Patria. A Festa Nacional de Galicia é, esencialmente, unha celebración masiva, popular e cívica. Os actos oficiais nin se ven. É o entramado medíatico, ano tras ano, quen destaca a cerimonia política e relixiosa, nacional-católica, impulsada polo Estado Español, pola Monarquía e, deica hoxe, por todos o Gobernos españois. O día de Galicia relegado a segundo prato  da información, é sen embargo, masivo, popular,  aberto, civil e cívico. O acto político e relixioso da ofrenda é unha cerimonia de patricios e prebostes, pechada, restrinxida, cercada e radicalmente isolada.

Esta é una boa imaxe do acontecemento oficial. Son catro gatos. Pero catro gatos que seguen a mandar, por desgracia. Penso eu.

Comparte esta entrada