A día de hoxe, calquera home, por moi seguro de si mesmo que se sinta ou por moi ausente que pretenda estar, vai ser interpelado, directamente e miles de veces, por moitas das mulleres coas que se cruce na súa vida. Serán interpelacións aparentemente triviais e ordinarias, pero radicalmente dirixidas a cuestionar ou pór en solfa o seu rol de xénero. Rol no que foi educado e culturalmente concebido e amaestrado.
Aos homes, esta tan repetida interpelación nos perturba e nos desazona. Por iso adoitamos responder fuxindo da cuestión, no mellor dos casos, ou rexeitándoa con diversas formas e graos de violencia, no peor. A resposta violenta masculina é sempre de carácter reaccionario, posto que a interpelación ven ser unha proposta revolucionaria que rexeitamos. Como individuos, isto os homes teríamos que facérnolo mirar.
A día de hoxe, o tan heteroxéneo e plural movimento feminista é unha corrente política e cultural, de pensamento e de acción que, en todo o mundo e con fórmulas moi diversas e novas, está desencadeando un proceso auténticamente revolucionario. Movilización que aspira a unha transformación profunda e radical da convivencia política, económica e cultural da sociedade e que vai moito máis alá desta ou daquela toma do poder puntual. É unha revolución que non precisa de ninguna toma da Bastilla ou dun Pazo de Inverno, nun día dado, senon que discurre polo sistema nervioso do corpo social removendo a súa mesma identidade cultural, labrada na historia polo patriarcado. É unha revolución que se fai día día, casa por casa, de persoa a persoa, pobo a pobo, pero cunha perspectiva global. Unha revolución destinada a callar no tecido social e institucional. Unha revolución que demolerá o patriarcado, hoxe vixente.
A día de hoxe, de sinalar os tres primeiros grandes problemas da humanidade, que afectan directamente a todos, eu diría que son: o da conservación e sostibilidade do planeta, o problema da crecente desigualdade e da conculcación dos dereitos humanos e o dominio e a hexemonía do capitalismo neoliberal, especulador e improductivo, que corrompe a política, extrema a explotación e provoca a miseria de millóns de persoas. Pois ben, aquí habería que recuperar as lúcidas e premonitorias palabras da grande feminista soviética, Alekxandra Kolontái, que lles espetou aos seus camaradas: “A revolución non poderá realizarse ata que non se resolva a cuestión feminina”. E Así foi.
A día de hoxe, efectivamente, os problemas cardinais da humanidade nin sequera poden abordarse, con algunha perspectiva de éxito, ata que non callen na humanidade as ideas, principios e valores que impulsa a revolución feminista.
A día de hoxe, esta revolución parece a única esperanza.
Como ti mesmo dis: «É unha revolución que se fai día día, casa por casa, de persoa a persoa, pobo a pobo, pero cunha perspectiva global!
Será, por iso, tan «lenta!?
Lenta. É posible, pero fonda e global.