O coronavirus e o virus da Coroa deron a cara practicamente a un tempo. Coa pandemia, o virus; e coa descuberta flagrante da corrupción do Emérito, a Coroa.

Dar a cara significa que o coronavirus se mostra como é: incompatible coa saúde e coa vida mesma; e o virus da Coroa tamén: incompatible coa saúde democrática e, no fondo, coa democracia mesma. Ambos os virus saltaron do mundo animal ou irracional ao xénero humano ou ao mundo da razón política. A Coroa non se detectou antes, como tal virus, porque pasou da ditadura á democracia camuflada no paquete da Constitución de 1978, único modelo que se someteu a referendo. Había que dicir si ou non á democracia, mais coa Coroa dentro.

Moitos aceptaron encantados, pero foron moitos máis os que tragaron a cousa como un mal menor, esperando que o desenvolvemento do modelo democrático illara e volvera inocuo o virus da Coroa. A idea non parecía disparatada nun clima de euforia democrática, de estrea das liberdades e de ansia por nos integrar en Europa. Ende mal, en tres anos, a situación mudou co golpe do 23-F, que serviu para consolidar a monarquía e para embridar as querenzas democráticas do persoal. E nisto don Juan Carlos desempeñou un papel decisivo. De feito, Tejero ou Armada non foron máis ca cabezas de turco ou «pagafantas», como diriamos hoxe.

O noso modelo democrático asenta na Coroa como pedra angular, por ser outorgada a restauración monárquica. Tanto, que Franco saltou por riba da orde de sucesión dinástica, para que quedara moi claro quen mandaba aquí. Isto fai que subsistan hoxe, aletargadas ou activas, secuelas herdadas do franquismo.

O ilustre constitucionalista Javier Pérez Royo di que «a Constitución é unha vasilla que está cuarteada, que ten fendas profundas, pero que ten unha tapa moi forte que fai que a vasilla se manteña en pé. Se quitas a tampa, a vasilla rompe decontado. A monarquía é a tampa do réxime do 78. Fai que o sistema político se manteña sen estalar, sen que salte polos aires. Pero, asemade, impídelle evolucionar».

A saída, por tanto, non está en someter o rei emérito á xustiza, cousa que haberá que facer. Isto só aliviará algo os síntomas da infección. Para matar os virus, a terapia debe ser máis contundente. Por iso contra o COVID-19 a linguaxe e a estratexia son bélicas. Hai que destruír o virus. Carthago delenda est!  Á  pari, o problema que presenta o virus da Coroa é esencialmente político e esixe que a soberanía nacional, que reside no pobo español, se sitúe por riba de todo. Tamén por riba da xefatura do Estado, o que require unha reforma constitucional a fondo. Delenda est Monarchía!, que diría Ortega.

Felipe V foi o primeiro Borbón rei de España e Felipe VI debería ser o derradeiro. O derradeiro rei, que por min os Borbóns poden seguir coa súa vida, pero sin molestar, claro está.

 

 

(Este artigo foi publicado na revista IRIMIA de abril do 2020. Nesta versión hai algunha pequena modificación que non altera o contido orixinal)

Comparte esta entrada