O pasado venres (12-11-21)  ENSAMBLEISAAC de Paco Díaz foi recoñecido como “o mellor libro”, polo xurado da VI edición dos Premios Paraugas, que promove o Cluster de Comunicación de Galicia.

ESAMBLEISAAC é una obra de arte de alto valor estético en si mesmo, polo continente e polo contido. Trátase dun libro de gran formato (30 x 24 e 565 páxinas), dos recoñecidos como “de prestixio” (cofee table book) cunha coidadísima edición, que comandou o propio Paco Díaz en Dixital 21, S.L.  O libro recolle e culmina un proxecto artístico de homenaxe a Isaac Díaz Pardo, materializado e exposto no museo-memorial instalado de xeito permanente no Castelo de Santa Cruz en Oleiros  (A Coruña). ENSAMBLEISAAC  é de “lectura total”: desde a cuberta á contracuberta, pasando pola portada, cotraportada, as gardas ou as mesmas follas de respecto. Todo ten a súa historia que contar, a súa intencionada mensaxe que transmitir.

ESAMBLEISAAC ábrese cunha dedicatoria manuscrita de LUZ POZO GARZA, un dos últimos poemas, se non o derradeiro, que escribiu  e outros dous poemas, no limiar: “CONCERTO DE ZANFONA TERNAMENTE A MIMINA CON AMOR” e “CONCERTO DE ZANFONA TERNAMENTE NA OLLADA ETERNA ISAAC”.

Na introducción, Paco Díaz explica a xénese e desenvolvemento do proxecto de homenaxe a Isaac, ao que dedicou varios anos: “moi amodiño e fidelmemte para intuir os seus segredos”.

ENSAMBLEISAAC entra en materia cun capítulo: A TERRA, que recolle  doce crónicas sobre os oleiros e ceramistas que executaron a peza, diseñada por Paco Díaz, para construir, ao cabo, a escultura cerámica en homenaxe a Isaac. As crónicas, nas que tiven a honra de participar, están acompañadas e ilustradas por duascentas cincuenta excelentes fotografías de Lila Díaz, que constituen unha completa reportaxe dos oleiros e ceramistas participantes no proxecto: Elías de Gundivós, Pepa Lombao de Bonxe, os Irmáns Añón de Salvaterra de Miño, Aparicio e O Rulo de Buño, Agustín de Niñodaguia, Unzueta de Carnota e Brión, Belén Soto de Vigo, Regal de Viveiro; Mario Rodríguez  da Ulla; Barreiros Artesanía da Ribeira Sacra, Galos de Ourense e Carme Romero de Fene. Coas pezas executadas por estes ceramistas constrúse a escultura de homenaxe: columna que se aloxa nun prisma de metacrilato, deseñado polo propio Paco Díaz e  construído no obradoiro de Fernando Durán de A Coruña.

O segundo gran capítulo do libro, A PLABRA, recolle as achegas literarias  en lembranza de Isaac de trinta e un escritoras e escritores de Galicia, acompañadas do seu texto manuscrito. Escriben: Alfredo Conde, Ana Acuña, Antía Otero, Antonio Reigosa, Camino Noia, Carmen Blanco, César Portela, Claudio Rodriguez Fer, Curra Figueroa, Fina Casalderrey, Francisco Pérez Porto, Helena Villar Janeiro, Inma López Silva, Ledicia Costas, Luz Darriba, Margarita Ledo Andión, María do Cebreiro, María Xosé Queizán, Marica Campo, Marilar Aleixandre, Paco Pestana, Pedro Feijoo, Quico Cadaval, Ramón Villares, Víctor Fernández Freixanes, Xesús Alonso Montero, Xesús Rábade Paredes, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Manuel Beiras, Xulio Maside e Antón Díaz Teijeiro. Os manuscritos de todos estes autores, que están no libro, están tamén no Museo-Memorial do Catelo de Santa Cruz

A COR é o terceiro gran capítulo do libro en nel recóllense as reproduccións das obras realizadas para este proxecto  por dúas fotógrafas e un fotógrafo: Chus Varela, Fuco Reyes e Lila Díaz, e vintéun pintoras e pintores galegos: Barreiro, García Gesto, Guerreiro, Isabel Pintado, Lomarti, Luz Darriba, Macía, María Xesús Díaz, Mónica Mon, Morquecho, Paco Pestana, Paco Díaz, Pardiñas, Pérez Porto, Rilo, Romero Masiá, Siro, Xosé Vázquez, Xosé Vizoso, Xulio Maside e Zamo Tamay.

E péchase ENSAMBLEISAAC co capítulo adicado  a O SON, que recolle as partituras da obra de Juan Durán: “ARRANXO PARA PIANO, CHELO E  VOZ DE NEGRA SOMBRA E LELA”. Obra que foi estreada o día 18 de xullo de 2020,  no acto inaugural do Museo-Memorial Isaac Díaz Pardo no Castelo de Santa Cruz (Oleiros), intrepretada por Iriko Ishimoto, ao piano, Alejandra Díaz, chelo, e o barítono Gabriel Alonso.

¡Que mellor homenaxe a Issaac Díaz Pardo que ensamblar na súa memoria a terra, a palabra, a luz, a cor e o son de  Galicia!

 

 

 

Comparte esta entrada