A multitudinaria mobilización de onte, rexeitando radicalmente a instalación de ALTRI na ULLOA, mostra ate que punto vai calando na opinión pública galega a oposición a este funesto proxecto.
A forza da razón non permite esta agresión a todo un país, que só será posible se se chega a impor a sen-razón da forza. Da forza que poidan facer intereses alleos e depredadores que atentan contra a saúde, o benestar, os medios de vida e vida mesma. Intereses que únicamente prevalecerán se seguen aser avalados por cooperadores necesarios e cómplices económicos, políticos e mediáticos, dende dentro e dende fóra do país. Cooperación e complicidade que se mostra, activa e aberta nuns, como a dos lideres e gobernantes do PP no partido e nas institucións, ou silenciosa e vergonzante noutros, coma a de conspicuos dirixentes políticos do PSOE.
Non é bon nen atinado, para ninguén, aplastar a forza da razón coa sen-razón da forza porque, ao cabo, isto so pode traer violencia, incluso a violencia dos pacíficos, obrigada en defensa propia. Sería, desgraciadamente, a forza con razón.
A foto de LILA, na manifestación de onte, retrata ben esa forza da razón tan transversal e mesmo interxeracional.
Definitivamente, ALTRI NON.