Tras esa sorte de silencio imposto pola pandemia, volve VATAPÁ.  Presentará o seu disco “VATAPÁ. Vol. 2”, o día 24 de setembro de 2021, no Auditorio Municipal de Vigo (Praza do Rei).

Din que, na música, o silencio ten o mesmo valor que o son e por iso se mide como se miden as notas. Algo debe haber porque precisamente, neste silencio da pandemia, concibiu VATAPA este VOl.2, que dará a luz  o derradeiro venres de setembro en Vigo.

Seguramente sexa o Jazz  o océano máis extenso e máis profundo  da mestizaxe musical, e por tanto vital, que o ser humano producíu nunca.

O inmenso mar do Jazz encheuse cos cantos rítmicos do traballo, de chamada e resposta, nos campos de algodón;  cos diaños azuis da tristura e da pena, na escravitude;  coas pregarias doridas e as blasfemias rabiosas, nadas da áspera dureza da vida; co frenesí liberador da danza, da risa e da festa; cos meigallos, os feitizos e cos quentes  ritos animistas: a única relixión de todos porque é a orixinaria da humanidade;  co encontró aberto ou esquivo, agrio ou doce, amoroso ou violento entre xentes buscadoras de vida de todos os continentes, que se cruzaron na parte de embaixo da historia, de onde procedemos. Neste inmenso océano  móvese, coma peixe na auga, VATAPÁ.

VATAPA navega, espelido, polas  augas do swing, do blues, do soul, da bossa nova e, porque aprendeu ben, sabe transmitirnos, coma ninguen, a enerxía e a calor dos cantos sincopados da nosa verdadeira estirpe.

Nun recanto do camiño, por onde ían cara Vigo, tiven a sorte de me atopar con  VATAPÁ QUINTETO e púidenos escoitar. Un quinteto de seis. E isto digo eu porque o din eles. Cando Bea fai as presentacións con esa voz poderosa e diáfana, que se fai sutil como a seda para acariñarte: “Marcel Muñóz, co vento; Oscar, co baixo; Xavier  coa percusión; Antón Casal coa guitarra e mesmo  coa batuta;  e, velaí o sexto do quiteto: Paco Guimarei”, o técnico do son que, en cada aquelarre, fai posible o milagre.

Excelente noticia a volta de VATAPÁ, para levantar o noso ánimo animista, esencial.

 

 

 

 

 

 

 

Comparte esta entrada